A Dirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica do Sistema Universitario de Galicia, co respaldo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, propúxose o desenvolvemento do Observatorio Científico e Tecnolóxico do Sistema Universitario de Galicia.
Para a posta en marcha desta iniciativa contouse coa achega imprescindible das tres universidades galegas, pero, ademais, no seu deseño e elaboración participaron activamente a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), o Consorcio de Bibliotecas Universitarias de Galicia (BUGALICIA) e o Instituto de Xestión da Innovación e o Coñecemento de Valencia (INGENIO, CSIC-UPV).
Este instrumento de coñecemento e análise parte da necesidade de realizar un seguimento das capacidades en I+D asociadas ao ámbito universitario e dos seus resultados; o Observatorio basea o seu funcionamento nunha orientación dinámica e activa e ofrece tanto unha recompilación de datos como a súa análise e interpretación. Preténdese que sirva, ademais, de soporte de recollida e canalización dun fluxo constante de información entre as propias universidades e entre estas e os seus usuarios, que posibilite un coñecemento amplo das súas necesidades e demandas e contribúa a que o Sistema Universitario de Galicia (SUG) estea permanentemente actualizado e adaptado ás necesidades sociais cambiantes.
O Observatorio de Ciencia e Tecnoloxía Universitario de Galicia pretende mostrar a todos os visitantes o intenso esforzo que toda a comunidade científica dedica a realizar actividades de investigación e desenvolvemento e os resultados, científicos, tecnolóxicos e de innovación que se obteñen como consecuencia, poñendo así de manifesto as súas contribucións ao desenvolvemento social, empresarial e cultural de Galicia.